ENERXÍAS DO PASADO E DO FUTURO

MEMORIA



1) REQUISITOS DE HARDWARE E SOFTWARE

Esta galería de imaxes pode visualizarse con calquera ordenador persoal que dispoña dun navegador HTML estándar, como Mozilla Firefox 1.0, Netscape 5.0 ou Internet Explorer 5.0 ou versións superiores de calquera destes programas. Os sistemas operativos poden ser calquera versión de Unix/Linux, Windows 95/98/XP/2000 ou MacOs X ou superior. A visualización dalgúns documentos ou enlaces pode requerir o uso do lector de ficheiros .pdf Acrobat Reader, que se pode obter de forma gratuíta no enderezo: www.acrobat.es


2) PROCEDEMENTO DE ELABORACIÓN DO RECURSO

Na elaboración deste recurso temos que distinguir dúas fases, a de obtención de imaxes e a creación das galerías en soporte informático.


2.1) OBTENCIÓN DAS IMAXES

Todas as imaxes fotográficas incluídas neste recurso foron obtidas polos autores ó longo dun período de varios anos en diferentes percorridos por Galicia e España, en viaxes efectuados pola Bretaña Francesa nos anos 2005 e 2007 e durante os congresos “Encuentro Solar 2007” celebrado en Granada en xuño deste ano e “Educación, Enerxía e Desenvolvemento Sostible”, celebrado en As Pontes de García Rodríguez tamén en xuño deste ano. O noso interese polas enerxías renovables fixo que algunhas destas imaxes foran captadas case por casualidade (como a da central mareomotriz do Rance en Francia) e agora adquirisen unha nova utilidade.

Tamén tivo moita influencia na obtención das imaxes a nosa preocupación pola problemática da autoría ante a cada vez máis frecuente publicación de materiais didácticos en páxinas web. De feito, outras moitas imaxes das que dispoñemos non foron incluídas por esta problemática, por conter algún tipo de referencia a empresas que se puidera considerar publicidade ou por conter imaxes de persoas ás que sería preciso pedir autorización.

A meirande parte das imaxes de construccións tradicionais corresponden a traballos de investigación sobre o patrimonio histórico galego feitos pola coautora Montserrat Rodríguez en diferentes concellos da área de Vigo como Baiona, Gondomar, Nigrán e Tomiño e algún máis afastado como os casos de Meaño, Cambados, Valga ou a Illa de Arousa.

As fotografías da instalación solar e eólica do IES Escolas Proval foron realizadas polo coautor Javier Diz como parte do traballo de elaboración de material didáctico para as visitas á citada instalación durante o curso 2006-2007.

A meirande parte das imaxes foron captadas cunha sinxela cámara Kodak EasyShare 7330 de 3 Mpixels e zoom óptico de 3 aumentos. A calidade das imaxes foi bastante satisfactoria, inda que nalgúns casos botamos de menos un pouco máis de sensibilidade en condicións de baixa iluminación ou unha maior capacidade de achegamento para captar motivos lonxanos.

O tratamento posterior dalgunhas das imaxes fíxose preferentemente co programa GIMP de uso libre, consistindo fundamentalmente en axustes de iluminación e recorte de áreas de interese.


2.2) PROCEDEMENTO DE ELABORACIÓN

A elaboración deste recurso estivo condicionada polos requisitos técnicos da convocatoria, que establecía a obligatoriedade de presentar as imaxes en tres formatos cunha determinada secuencia de enlaces entre eles. A primeira fase da elaboración foi por tanto, a selección de imaxes e creación dos tres formatos para cada unha delas. Para evitar problemas á hora de localizar cada imaxe, os nomes dos formatos eran iguais excepto un prefixo que identificaba o tamaño de cada arquivo. Para a xeración dos formatos fíxose uso da utilidade “Image Resizer” do sistema Windows XP.

Unha vez xerados tódolos arquivos necesarios prantexábase o problema técnico de montar os documentos html que incluiran as imaxes enlazadas do xeito requerido pola convocatoria. Para facilitar esta tarefa, que resultaba complicada polo elevado volumen de información a manexar, fixemos en primeiro lugar un documento base html en OpenOffice Writer cunha táboa na que se inserían tanto as imaxes como o texto asociado. Unha vez extraído o código html correspondente a unha primeira imaxe, copiamos o mesmo código para cada imaxe cambiando o texto correspondente ó nome de arquivo. Para esta tarefa empregamos a folla de cálculo OpenOffice Calc. O resultado foi un documento html cunha “macrotáboa” con tódalas imaxes xa enlazadas nos tres formatos, e unha cabeceira de presentación coas miniaturas das mesmas. Este procedemento pode parecer moi complicado, pero resultóu bastante eficaz e rápido (e, en calquera caso, neste momento non dispuñamos de ningunha utilidade capaz de facelo doutro xeito).

Un punto a destacar foi o noso interese en que as aplicacións empregadas tanto para a xeración do recurso como para a súa visualización posterior fosen de uso libre. Tódalas probas se fixeron co tándem OpenOffice-Firefox para a modificación e visualización do resultado. Únicamente se empregóu a utilidade de redimensionado de imaxes de Windows ante a dificultade que supuña a utilización da linguaxe de macros do programa GIMP para automatizar o proceso.


En Vigo, a 4 de setembro de 2007

Os autores,


Javier Diz Bugarín

Profesor de Sistemas Electrónicos

IES Escolas Proval (Nigrán)

Montserrat Rodríguez Paz

Profesora de Xeografía e Historia

IES Coruxo (Vigo)